Thursday 31 de October de 2024

O Concello impulsa seis novas degustacións de proia e empanada de Neda esta fin de semana na hostalería local


Segunda fin de semana “Neda a petiscos”. Tras a boamacollida do sábado e domingo pasados, a hostalería nedense acolle seis novas degustacións, totalmente de balde coas consumicións, de produtos das panaderías locais. Desta forma, outra media ducia de establecementos súmase á iniciativa gastronómica impulsada polo Concello.

O calendario de catas brindará mañá sábado a oportunidade de saborear no bar Graña, acompañando ao café matinal, a proia de La barra de oro, tafona que se suma por primeira vez á iniciativa. E na hora do aperitivo o Concello subministrará ao Harina & Brasa empanadas de La Gallega e Viuda de A.Romero, e ao restaurante do Pazo da Merced (outro establecemento que se estrea), empanadas de panadería Santa Rita e de Tito.

“Neda a petiscos”, impulsado polo concello para fomentar o consumo dos auténticos manxares que elaboran os fornos locais e dinamizar a hostalería do municipio continuará o domingo 5 de febreiro. E farao con dobre ración de almorzos e unha cita á hora do viño. Así, veciños e visitantes poderán probar no almorzo, as proias de Modesto Hermida e de La Nueva. A primeira servirase no café bar Albarón, e a segunda no Chámalle como queiras. Xa ao mediodía, chegará o momento de abrir boca coas empanadas de Panificadora Germán e La Nueva no mesón O Fumazo.

A segunda edición de “Neda a petiscos”, na que participan as doce panaderías de Neda e 18 dos 21 establecementos de restauración existentes na vila, completarase a fin de semana do 11 e 12 de febreiro, coas derradeiras catas de sabores 100 % Neda.